Coñece

O proceso actual de transformación dixital da Administración Pública supón unha oportunidade única para o desenvolvemento socioeconómico dunha sociedade inmersa na transición dixital.

O proxecto Concello Dixital constitúe a aposta da Deputación da Coruña para situar ás entidades locais da provincia na vangarda deste novo escenario de gobernanza local e de relación coas cidadás e cidadáns. 

A transformación dixital no sector público permite a adaptación dos servizos ás necesidades específicas dos cidadáns e o territorio. Nunha comunidade cunha gran dispersión poboacional como é a nosa faise necesario e imprescindible poñer ao dispor da cidadanía servizos de proximidade que contribúan a fixar poboación e poñer en valor a calidade de vida nos municipios de menor entidade poboacional e nos seus núcleos. Pola súa banda, os gobernos locais necesitan o apoio e asesoramento na súa folla de ruta cara un novo modelo de organización e prestación de servizo aos cidadáns que reivindique o seu papel na implantación da Axenda 2030.

A Diputación da Coruña lidera este ambicioso proxecto co pleno convencemento de que o esforzo contribuirá activamente a facilitar a vertebración e a cohesión territorial, reducindo a fenda dixital e facilitando á cidadanía o acceso aos servizos que a Administración Dixital ofrece, nun novo modelo de relación máis sinxela, interoperable e única. 

Concello Dixital pon ao dispor das súas entidades locais e a cidadanía este sitio web con información de interese público sobre Administración Electrónica, así como novas de actualidade relacionadas co proxecto e o seu ámbito de execución. O portal concíbese como un espazo participativo para o coñecemento e difusión dunha eAdministración con vocación de situar ás veciñas e veciños dos nosos concellos no centro da xestión municipal.