A nosa misión

Administración dixital

En Concello Dixital, a nosa misión é contribuír á transformación dixital das nosas entidades locais e situalas nun escenario operativo de alta eficiencia e de excelencia na prestación dos seus servizos, mediante o impulso da Administración Dixital no seo da súa organización.

A nosa metodoloxía contempla a implantación de propostas transversais de transformación dixital en todas as áreas e servizos de cada concello e entidade local, que se axusten ás súas necesidades específicas. Á súa vez, este proceso de evolución tecnolóxica obriga a un acompañamento continuo das empregadas e empregados públicos no esforzo que supón a adaptación ao novo modelo de cultura organizacional necesaria para a consecución dos nosos obxectivos. 

Os resultados obtidos nas intervencións realizadas nos concellos proxéctanse en dúas vertentes:

  • Vertente interna: mellora na xestión e a eficiencia das entidades
  • Vertente externa: mellora na relación entre administracións e destas coa cidadanía

 

Entidades locais

O deseño actual das competencias locais sitúa aos nosos concellos e entidades provinciais nun escenario continuo de evolución e adaptación dos seus servizos electrónicos co obxectivo de adaptalos ás demandas da cidadanía. Neste esforzo sitúase a misión de Concello Dixital de acompañar ás entidades na axilización da súa xestión, a interoperabilidade co resto das administracións e a mellora na calidade do servizo á cidadanía.

Aliñámonos coas profundas transformacións socioeconómicas experimentadas polas nosas entidades nos últimos anos, e que puxeron a proba a súa capacidade de resposta ante retos como a xestión, no marco das súas competencias, da crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19. 

A nosa estratexia baséase no impulso dos fundamentos que permiten unha tramitación electrónica integral, desenvolvida ao redor da nosa plataforma de tramitación electrónica TEDeC, o conxunto de plataformas que forman parte do seu ecosistema, a implementación das integracións que permiten a súa interoperabilidade con outras administracións e o conxunto de servizos de apoio. 

Este proceso de transformación non sería posible sen o diálogo continuo e a colaboración activa das empregadas e empregados públicos. A achega da súa experiencia constitúe a fonte principal da base de coñecemento do proxecto e das melloras da plataforma de tramitación, transferibles a todas as entidades participantes e que permiten a evolución continua do núcleo tecnolóxico sobre o que se asenta o proxecto.