Publicacións

Entrevista ao Alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez Fernández


03/10/2022

O Concello de Vilasantar iniciou no mes de maio un proceso de transformación e reorganización da súa actividade administrativa, realizada ao abeiro do Proxecto de Transformación Dixital das Entidades Locais da provincia, Concello Dixital, impulsado pola Deputación de A Coruña. A súa entidade acolleu durante estes meses a fase piloto do proxecto, un proceso que implicou á totalidade das empregadas e empregados públicos do concello. Falamos co seu alcalde, Fernando Pérez Fernández.

Como foi este camiño? Fáganos unha reflexión sobre estes meses de traballos conxuntos.
Este camiño foi bastante sinxelo, xa que dende a deputación se prestou apoio in situ. O seu equipo estivo impartindo a formación no propio concello, asesorando persoalmente a cada empregado/a municipal, e continúa prestando apoio e asesoramento telefónico actualmente.

Un proxecto desta magnitude, que implica unha transformación organizativa global e cambios en certos procesos, de seguro que supuxo un esforzo extra para o cadro de persoal municipal no seu traballo diario.

Como se asumiu este esforzo engadido pola/os traballadoras/os do concello? Houbo momentos “complicados” no proceso de adaptación? Fálenos dalgún deles.

Aínda que foi un proxecto amplo, a gran maioría do persoal municipal xa contaba con coñecementos sobre o funcionamento da administración electrónica, polo que a súa principal dificultade foi adaptarse ás modificacións nos procedementos para a tramitación de expedientes. Por outra banda, ao persoal que comezou a tramitar resultoulle máis sinxelo facelo electronicamente. Cómpre salientar que, en xeral, este proxecto permite un acceso máis fácil e sinxelo á información dos expedientes.

O obxectivo final de todos estes traballos é situar á cidadanía no centro da xestión municipal e mellorar a calidade do servizo público.

Considera que, de portas para fóra, as veciñas e veciños perciben estes cambios e esforzos realizados? De ser así, ¿cre que os valoran como algo positivo que mellorará a calidade e axilidade da xestión municipal?

Intentamos fomentar o uso da administración electrónica por parte da veciñanza, que coñeza e utilice os servizos que ofrece, recalcando a maior rapidez e comodidade que proporciona, así como a súa dispoñibilidade as 24 horas. Valórano como algo positivo e o que máis destacan é a axilidade da xestión municipal.

A nomeada “fenda dixital” é unha realidade que afecta á cidadanía pero tamén aos empregados e empregadas que se enfrontan a un novo modelo na organización do seu traballo e a dixitalización dos procesos administrativos.

En que medida afectou e afecta este factor no proceso de transformación dixital no que o seu concello está inmerso na actualidade no marco do proxecto Concello Dixital?

A transformación dixital simplificou a relación dos cidadáns co Concello e viceversa, serviu para integrar e axilizar as tramitacións de expedientes en todos os departamentos municipais e co resto das AAPP. É importante indicar que se reduciu o uso do papel, buscando alcanzar o obxectivo de administración eficiente.

Concello Dixital comezou a desenvolver unha serie de unidades didácticas co obxectivo de difundir e promover o uso da Administración Electrónica pola cidadanía. O contido da primeira destas unidades aborda o uso da Sede Electrónica e as súas posibilidades.

Atendendo á realidade do seu concello, que contido propoñería vostede para unha delas?

Propoñería como contidos a traballar o uso do DNI electrónico, as consultas ao taboleiro de anuncios e o catálogo dos procedementos e trámites centrándose no rexistro de documentación e nas notificacións electrónicas.

As Sedes Electrónicas municipais chegaron para se converteren nunha ferramenta que sitúa os cidadáns no centro da xestión municipal, outorgándolles máis autonomía na relación administrativa co seu concello.

Cales son os servizos que máis usan na Sedes Electrónica? E os que menos?

A nivel de persoal municipal, dende a posta en marcha deste proxecto, comezouse a publicar no taboleiro de anuncios da sede e no portal de transparencia. Polo que respecta á veciñanza, é unha realidade que é a xente máis nova xunto coas empresas os que fan máis uso da tramitación a través da Sede electrónica municipal. O resto da veciñanza, se presenta documentación vía electrónica, faino a través dun/ha representante; pero a grande maioría segue a utilizar o rexistro presencial.

A Administración Electrónica tamén ten por obxecto ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública no marco das obrigas de boa gobernanza dos responsables públicos. Este necesario dereito á información outorgado á cidadanía debería redundar nuns veciños e veciñas máis informados e esixentes na xestión do seu concello.

Neste senso, ¿existe na actualidade máis implicación dos veciños na actividade municipal?

Na actualidade, estanse impartindo desde a aula de informática cursos de formación de administración electrónica para a toda a veciñanza, nos que se forma á xente para tramitar electronicamente na Sede do Concello e realizar outros trámites pola internet, e nos que participa un grupo numeroso de veciños/as.

A crise sanitaria derivada da COVID-19 puxo de manifesto que as Administracións Públicas, en xeral, e as Locais, en particular, han de estar preparadas para adaptarse a cambios continuos e funcionar de maneira moi áxil e flexible.

Como valora a situación actual na que se atopan as nosas Administración Locais fronte aos escenarios de cambio continuo ás que se enfronta?

Como administración local, e polo tanto a máis próxima ao cidadán, considero que ten que ser constante e continua a formación do persoal municipal no que respecta a actualizar e utilizar todos os recursos dixitais ao seu dispor, para dar un servizo máis rápido e eficaz á veciñanza.