Publicacións

Entrevista a Ramiro Cal, E-responsable do Concello de Irixoa


23/09/2022

O Concello de Irixoa iniciou no mes de xaneiro un proceso de transformación e reorganización da súa actividade administrativa, realizada ao abeiro do Proxecto de Transformación Dixital das Entidades Locais da provincia, Concello Dixital, impulsado pola Deputación da Coruña. Falamos con Ramiro Cal, e-Responsable do Concello.

A súa entidade acolleu durante estes meses a fase piloto do proxecto, un proceso que implicou á totalidade das empregadas e empregados públicos do Concello. Como foi este camiño? Fáganos unha reflexión sobre estes meses de traballos conxuntos.

O Concello de Irixoa xa tiña experiencia en anteriores proxectos na fase piloto polo que coñeciamos de antemán o traballo que nos agardaba. 

Participar na fase piloto dun proxecto supón un esforzo inicial engadido, unha análise interna do que se está facendo, como se está facendo e en que se podería mellorar.

Neste caso, a implicación afectaba a todos os departamentos, mesmo aos propios órganos colexiados, polo que a mobilización a nivel de persoas  foi algo máis complexo que en outras ocasións.

Un proxecto desta magnitude, que implica unha transformación organizativa global e cambios en certos procesos, de seguro que supuxo un esforzo extra para o equipo municipal no seu traballo diario. Como se asumiu este esforzo engadido polas/os traballadoras/os do concello? Houbo momentos “difíciles” no proceso de adaptación? Fálenos dalgún deles.

O esforzo máis grande foi para o persoal dos departamentos que nunca traballaran na plataforma dixital ou que o viñan facendo para uns trámites moi determinados. Para os departamentos que xa estaban inmersos no proceso de dixitalización supuxo facer unha análise interna sobre o traballo que se estaba facendo, fundamentalmente sobre a posibilidade de unificar criterios.

En xeral houbo unha implicación moi activa por parte do persoal no desenvolvemento do proxecto, asumindo os roles que a cada membro lle correspondían dentro da engrenaxe organizativa.

O obxectivo final de todos estes traballos é situar á cidadanía no centro da xestión municipal e mellorar a calidade do servizo público. Considera que, de portas para fóra, as veciñas e veciños perciben estes cambios e esforzos realizados? De ser así, cre que os valoran como algo positivo que mellorará a calidade e axilidade da xestión municipal?

Habería que reforzar o labor de dar visibilidade a todas as melloras internas na organización administrativa. É cando se achegan ao Concello para realizar algunha xestión cando a cidadanía pode percibir as melloras.

A nomeada “fenda dixital” é unha realidade que afecta á cidadanía pero tamén ao persoal empregado público que se enfronta a un novo modelo na organización do seu traballo e á dixitalización dos procesos administrativos. En que medida afectou e afecta este factor no proceso de transformación dixital no que o seu Concello está inmerso na actualidade, no marco do proxecto Concello Dixital?

Por parte do persoal o proceso de adaptación ao novo modelo foi máis rápido do inicialmente previsto. Non houbo grandes dificultades para asimilar os cambios.

Ata non hai moito a fenda dixital viña marcada máis polo factor tecnolóxico que polo factor humano. A mellora e modernización das infraestruturas de telecomunicación incidiron positivamente na dixitalización dos procesos administrativos.

Concello Dixital comezou a desenvolver unha serie de unidades didácticas co obxectivo de difundir e promover o uso da administración electrónica pola cidadanía. O contido da primeira destas unidades aborda o uso da sede electrónica e as súas posibilidades. Atendendo á realidade do seu Concello, que contido propoñería vostede para unha delas?

Ademais de abordar as distintas posibilidades para identificarse na sede, tamén conviña tratar a utilidade que pode ter para obter información sobre os trámites do Concello ou incluso para tramitar de forma presencial.

Do mesmo xeito en que, cando queremos comprar un produto nunha tenda concreta, nos informamos previamente das súas características, prezos, etc, e logo acudimos á tenda coa selección feita, tamén podemos informarnos na sede sobre trámites, documentación necesaria, taxas, etc., e incluso descargar o formulario e entregalo xa cuberto no concello.                      

As sedes electrónicas municipais chegaron para se converteren nunha ferramenta que sitúa os cidadáns no centro da xestión municipal, outorgándolles máis autonomía na relación administrativa co seu concello. Cales son os servizos que máis usan nas sedes electrónicas? E os que menos?

Os trámites máis usados son os relacionados co departamento de Urbanismo, séguenlle os de Padrón de habitantes e as solicitudes xerais. A sede empezou a ser usada polas persoas xurídicas, ás que a lexislación obrigaba a relacionarse coa Administración por medios dixitais.

A tendencia actual é que cada vez máis persoas físicas acudan á sede electrónica para realizar algún trámite. Desde o inicio do proxecto, xa temos expedientes finalizados con persoas físicas nos que os trámites e sinaturas tanto por parte do cidadán como da Administración foron 100% dixitais.

A administración electrónica tamén ten por obxecto ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública no marco das obrigas de boa gobernanza dos responsables públicos. Este necesario dereito á información outorgado á cidadanía debería redundar nuns veciños e veciñas máis informados e esixentes na xestión do seus concellos. Neste senso, existe na actualidade máis implicación da veciñanza na actividade municipal?

Despois da implicación a nivel interno, o que se tenta é promover a administración dixital entre a cidadanía nun modelo de círculos concéntricos de proximidade á Administración. A todas aquelas persoas que acoden presencialmente para algún trámite informámolas sobre a opción que teñen de facelo telemáticamente sen ter que acudir ao Concello.

Trátase dun proceso lento pero que, a falta doutro máis dinámico, xa vai dando os primeiros resultados.

A crise sanitaria derivada da COVID-19 puxo de manifesto que as Administracións Públicas, en xeral, e as Locais, en particular, han de estar preparadas para adaptarse a cambios continuos e funcionar de maneira moi áxil e flexible. Como valora a situación actual na que se atopan as nosas Administración Locais fronte aos escenarios de cambio continuo ás que se enfronta?

O confinamento de 2020 foi o impulsor da necesidade dunha Administración dotada de estrutura organizativa adecuada para as necesidades creadas pola nova situación sanitaria.

Para as organizacións pequenas como a nosa foi un gran reto adaptarse en cuestión de días a traballar telemáticamente e coordinar o traballo entre persoas, ás videoreunións, ás sesións telemáticas dos Órganos Colexiados,… No noso caso particular, sumouse a todo isto que estabamos inmersos no desenvolvemento doutro proxecto piloto da administración electrónica e que nos tocou finalizar nestas condicións adversas.

Creo que o gran salto xa está dado, os procesos están revisados e se en calquera momento temos que volver ao teletraballo non suporía modificar a nosa forma de traballo habitual.