Publicacións

Entrevista a Carlos Martínez, alcalde de Vedra


31/08/2022

O Concello de Vedra iniciou a comezos de ano un proceso de transformación e reorganización da súa actividade administrativa, realizada ao abeiro do Proxecto de Transformación Dixital das Entidades Locais da provincia, Concello Dixital, impulsado pola Deputación de A Coruña. A entidade acolleu durante estes meses a fase piloto do proxecto, un proceso que implicou á totalidade das empregadas e empregados públicos do concello e que ven de presentar os resultados das propostas executadas durante este tempo. Falamos co seu alcalde, Carlos Martínez.

Como foron estes meses de traballos de transformación dixital en Vedra?

Foron moi intensos e produtivos e creo que demos un paso adiante moi importante en canto a os servizos que se prestan de administración electrónica.

Como están percibindo estes cambios na xestión municipal as veciñas e veciños?

Precísase tempo para que estes cambios cheguen a todos. Quen non se tivo aínda que relacionar administrativamente co concello nesta nova etapa descoñece os servizos. Porén, as entidades asociativas do concello que xa levaban tempo utilizando o servizos dixitais en outras administracións si que están a facer uso dos novos servizos implantados no concello.

Por outra banda, a cidadanía sabe que este novo modelo de relación co seu concello vai ser de obrigado uso en moitos casos. Certo é que o descoñecemento do medio dixital dificulta o uso da administración electrónica, pero unha vez superada esta barreira ven todos os cambios como positivos e recoñecen a gran vantaxe que supón ter unha relación dixital co seu concello.

Está a afectar, entón, a “fenda dixital” ao uso dos servizos de Concello Dixital?

Penso que no noso concello a fenda dixital está a ter menos impacto do poderiamos agardar. Isto débese a dous motivos: primeiro, a pandemia impulsou o uso dos dispositivos dixitais entre os nosos maiores e fíxolles ver a necesidade de asumir este medio para relacionarse coas súas administracións. Por outra banda, no noso concello existía un problema de conectividade pero na actualidade o 80% das veciñas e veciños teñen acceso á fibra óptica nos seus fogares.

O reto que temos por diante para reducir a fenda é difundir os servizos de administración dixital e que cidadanía os entenda e utilice. No caso dos maiores, estamos a comprobar que se fan usuarios dixitais moi activos cando dispoñen de sinatura dixital e coñecen os fundamentos básicos da tramitación electrónica.

A Oficina Cl@ve é xa unha realidade en Vedra. Está a ter boa acollida e uso?

A creación desta oficina supuxo un importante fito dentro do proxecto Concello Dixital en Vedra xa que a cidadanía e consciente das súas vantaxes, principalmente o feito de non ter que desprazarse do seu concello para obter a súa credencial dixital e así poder acceder o amplo catálogo de servizos dixitais, entre eles os que ofrece a Sede Electrónica do concello.

Cales son os servizos máis utilizados na Sede Electrónica Municipal?

Detectamos un boa tendencia a alza de uso do Rexistro, sobre todo en trámites relacionados coas áreas de Urbanismo e Servizos Sociais.

Observa máis interese e implicación da cidadanía na xestión do seu concello dende a chegada da eAdministración?

O grao de transparencia na xestión municipal que se acada con este novo modelo, no que os datos están ao dispor das cidadás e cidadáns dende o ordenador do seu fogar ou o seu móbil, fai se amosen máis activos e implicados.

Por outra banda, a axilidade no acceso á información que supuxo a dixitalización foi un factor que contribuíu a popularizar o uso dos novos servizos por parte dos grupos políticos e cargos electos, que poden acceder directamente á documentación de modo telématico e con inmediatez.

A pandemia puxo a proba a axilidade e flexibilidade das entidades locais. Como afronta o Concello de Vedra os escenarios de cambio continuo que nos agardan?

Vedra sempre foi un concello moi aberto e participativo. O mérito é da cidadanía e da grande vocación de servizo das empregadas e empregados públicos que sempre atenden á veciñanza cando o precisa. Pola súa banda, a veciñanza tamén sempre amosa un alto grao de adaptación as circunstancias, tanto as establecidas, como os horarios de servizo, ou as sobrevidas, coma a pandemia.

Fáganos unha reflexión final sobre estes meses de proceso de implantación de Concello Dixital en Vedra

Estou moi satisfeito cos resultados acadados e gustoume especialmente a colaboración entre o persoal, que foi esencial para que ninguén quedase atrás neste camiño. Sorpréndeme que en tan pouco tempo avanzaramos tanto e tan ben en prol da transformación dixital do concello.