Noticias

Concello Dixital e a Deputación da Coruña presentan as súas propostas para a transición dixital do Concello de Betanzos


23/03/2022

A folla de ruta proposta para a entidade brigantina impulsará o seu proceso de axilización administrativa e plan de modernización focalizado na súa Área de Urbanismo.

O encontro entre o equipo de Transformación do proxecto Concello Dixital e os representantes municipais tivo lugar o martes na sede do concello e supón o arranque formal da execución do plan de transformación dixital para a entidade coruñesa.

O concello de Betanzos está inmerso actualmente nun proceso de axilización administrativa e plan de modernización da súa área de Urbanismo. Neste sentido presentáronse as propostas de avance que abordarán aspectos como a depuración do fluxo de procedementos, a simplificación na tramitación e a mellora das automatizacións. Pola súa banda, os representantes municipais achegaron propostas moi innovadoras que recolleron os técnicos do proxecto da Deputación para a súa valoración e análise co obxectivo de facelas transferibles a outros concellos da provincia.

A duración dos traballos será de seis semanas desde a validación definitiva das propostas por parte do concello. A execución das propostas permitirá á entidade brigantina mellorar os seus indicadores de eficiencia interna e impulsar a administración dixital na súa organización e na súa relación coa cidadanía.