Noticias

O Concello de Cerdido pon ao dispor da cidadanía a Oficina Cl@ve municipal tralo remate do seu proceso de transformación dixital


26/06/2024

A boa disposición e implicación de todo o persoal do concello permitiu a consecución de todos os obxectivos previstos nas actuacións propostas.

O proxecto de transformación dixital impulsado pola Deputación da Coruña para as entidades locais, Concello Dixital, segue cumprindo os obxectivos trazados na súa axenda. O Concello de Cerdido presentaba hai unhas semanas os resultados do seu proceso de transformación dixital, iniciado hai tres meses, resultados que mostraron un alto grao de cumprimento na execución de todas as propostas.

Durante estes tres meses, activáronse 37 novos procedementos de tramitación electrónica e o catálogo da Sede Electrónica ampliouse con dous novos servizos que xa están ao dispor das veciñas e veciños.

A vocación de servizo público e orientación á cidadanía de Concello Dixital visibilízase na creación da Oficina Cl@ve municipal, onde as veciñas e veciños do concello poden obter as súas credencias dixitais para relacionarse coas distintas administracións públicas de xeito electrónico, e sen necesidade de desprazamentos fóra da súa contorna.

Cómpre destacar o esforzo realizado polos empregados públicos do concello, sen os cales non sería posible esta transición áxil e con óptimos resultados. A súa boa disposición e implicación permitiu a consecución das actuacións propostas.