Noticias

O Concello de Muros pecha o seu proceso de transformación dixital e impulsa a súa modernización administrativa


26/06/2024

As veciñas e veciños de Muros dispoñen xa de Oficina Cl@ve onde obter os seus certificados dixitais sen desprazarse fóra do concello.

A Deputación da Coruña, ven de rematar o proceso de dixitalización da actividade administrativa municipal do Concello de Muros, tras dous meses de traballos conxuntos coa entidade local, ao abeiro do proxecto Concello Dixital.

O remate das actuacións planificadas acontecía a pasada semana coa presentación do informe final de execución. A folla de ruta de Muros trazaba ao inicio do proceso un total de 41 accións previstas, en eidos clave do plan como son: Persoas e Infraestrutura Tecnolóxica; Cultura e Organización, Procesos Áxiles e Dixitalizados, e Atención a Cidadanía. O proceso transformador pecha con case a totalidade das accións executadas. Pola súa banda, a representación da entidade local que asistiu ao peche do proxecto manifestou a súa satisfacción co resultado dos traballos, e agradeceu a implicación de todo o cadro de persoal municipal, habida conta do esforzo que supuxo a adaptación ao novo modelo.

Durante o proceso de transformación impartíronse un total de 8 sesións de formación para as empregadas e empregados públicos do concello. Pola súa banda, o Equipo de Soporte de Concello Dixital reforzou o seguimento dos traballos co obxectivo de resolver todas ás dubidas xurdidas ao fío dos novos cambios.

A vocación de servizo publico e orientación á cidadanía de Concello Dixital visibilízase na creación da Oficina Cl@ve municipal, onde as veciñas e veciños do concello poden obter as súas credencias dixitais para relacionarse coas distintas administracións públicas de xeito electrónico, e sen necesidade de desprazamentos fóra da súa contorna.

Noutro senso, e a prol da difusión da administración electrónica á cidadanía e das vantaxes que este novo modelo de relación supón para os concellos, a entidade muradá acolleu a gravación dunha nova entrega de “Conversas Concello Dixital”, para entrevistar á E-Responsable e interlocutora desde o concello, Eva Tajes. A peza  pódese ver na canle de Youtube de Concello Dixital.