Noticias

Arranca o proceso de transformación dixital no Concello de Aranga


31/01/2024

O municipio coruñés acometerá nos próximos tres meses profundos cambios na súa organización co obxectivo de mellorar a súa eficiencia interna e a atención á cidadanía.

O Concello de Aranga aposta polo reto da administración electrónica e súmase ao proxecto Concello Dixital, impulsado pola Deputación da Coruña. O municipio coruñés atópase xa inmerso desde a pasada semana na súa folla de roteiro cara a un modelo de administración dixital na gobernanza local e de eficiencia na prestación dos servizos á cidadanía.

O arranque formal do proxecto desenvolveuse no marco dunha intensa axenda de traballo que tivo lugar na sede do municipio coruñés. De man do equipo técnico do proxecto, os responsables políticos e administrativos do concello puideron coñecer as liñas mestras de Concello Dixital así como o plan de transformación específico deseñado para a súa entidade.

O proceso de transformación que agora comeza executarase en colaboración directa con empregados e empregadas municipais designados como informantes clave de cada unha das áreas de actuación, aínda que o obxectivo final supoñerá a implicación da totalidade do persoal do concello e dos seus responsables políticos.

Así, Aranga súmase á aposta da Deputación da Coruña pola dixitalización das súas entidades locais, tanto no seu funcionamento interno como na prestación de servizos á cidadanía.