Noticias

Concello Dixital arranca a transformación en cinco concellos da provincia da Coruña


08/05/2023

Os concellos de Cariño, Coirós, Dumbría, Neda e Muxía atópanse xa mergullados nun proceso transformación co obxectivo da plena dixitalización dos seus servizos administrativos.

O proxecto de transformación da Deputación da Coruña para as entidades locais da provincia segue a a avanzar na folla de ruta trazada cara unha plena dixitalización dos seus concellos. Así, a pasada semana remataba coa presentación do proxecto no Concello de Cariño, sumándose así a execución simultánea dos traballos xa iniciados en Coirós, Dumbría, Neda e Muxía. 

O arranque formal da transformación no Concello de Dumbría a mediados do pasado mes de abril daba o pistoletazo de saída ao plan. Nas seguintes semanas fóronse sumando os concellos de Neda, Coirós, Muxía e Cariño.

Os encontros mantidos polos representantes administrativos e políticos cos técnicos da Deputación coruñesa serviron para detectar necesidades, analizar información e elaborar o plan de traballo personalizado para cada un dos concellos.

O obxectivo das actuacións é acadar a plena dixitalización dos servizos administrativos nas entidades, o que se traducirá nunha maior eficiencia administrativa nos concellos e na mellora da calidade dos servizos que prestan á cidadanía.