Noticias

Remata con éxito o proceso de transformación dixital no Concello de Oroso ao abeiro de Concello Dixital


24/04/2023

O alto grao de implicación de todos os empregados e empregadas públicos neste proceso permitiu detectar melloras na tramitación electrónica que serán transferidas ao ecosistema Concello Dixital.

O Concello de Oroso súmase con éxito e por méritos propios ao grupo de entidades locais da provincia da Coruña que acadan a plena dixitalización dos seus procesos administrativos. Así o indica o resumo final que Concello Dixital presentaba hai unha semana na súa sede municipal.

O proceso de transformación, iniciado hai tres meses na entidade, permite que as empregadas e empregados municipais dispoñan xa de 17 novos procedementos de tramitación electrónica. Por outra banda, os equipos da Área de Implantación impartiron varias sesións de formación e soporte especificamente deseñadas para as necesidades do concello.

O alto grao de implicación de todos os empregados e empregadas públicos neste proceso permitiu detectar melloras para a plataforma de tramitación electrónica TEDeC, que serán transferidas ao resto de entidades locais que operan baixo o ecosistema Concello Dixital.

Concello Dixital constitúe a aposta da Deputación da Coruña pola dixitalización das súas entidades locais, así como pola mellora do seu funcionamento interno e dos servizos que estas prestan á cidadanía. A posta en marcha destas iniciativas está regulada e planificada na Axenda Dixital da provincia, que abrangue todas as accións en materia tecnolóxica e de transformación dixital.