Noticias

A Deputación da Coruña abrirá puntos de atención presencial para axudar á cidadanía na realización de trámites electrónicos coas administracións


15/03/2023

A Coruña e Betanzos acollerán as primeiras oficinas piloto, nas que persoal cualificado axudará á cidadanía que o demande na realización de trámites electrónicos ante calquera administración.

A Deputación da Coruña presentou onte a súa Estratexia Dixital, a folla de ruta coa que pretende seguir sendo líder entre as administracións locais de Galicia na implantación da administración electrónica, a tranformación e a inclusión dixital.

O presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso explicou que a Estratexia Dixital que está a desenvolver a Deputación da Coruña baséase en catro eixes: a accesibilidade dixital universal, a ciberseguridade, a mellora das infraestruturas dixitais e o proxecto "Concello Dixital", que xa chega a 80 entidades da administración local da provincia.

Formoso destacou que unha das liñas de acción da Estratexia Dixital da Deputación é "combater a fenda dixital para garantir que todo o mundo, incluíndo as persoas máis maiores ou as que carezan de coñecementos, recursos ou aparellos dixitais, poidan acceder en igualdade de condicións aos beneficios da administración electrónica".

"Para fomentar a inclusión dixital abriremos puntos de atención presencial sen cita previa onde todas as persoas que o precisen podan acceder a calquera servizo dixital da administración pública co apoio de persoal cualificado", afirmou o presidente, que detallou que as primeira oficinas piloto comezarán a funcionar este ano na cidade da Coruña e en Betanzos, onde terá un carácter comarcal.

"Non só serán para os trámites relacionados coa Deputación da Coruña, senón con calquera outra administración", explicou Formoso, que avanzou que a idea do Goberno provincial é "replicar despois a iniciativa noutros concellos que así o demanden coa súa colaboración".

Do mesmo xeito, a Deputación seguirá potenciando a formación en competencias dixitais da cidadanía e dos empregados públicos de tal forma que melloren a súa adaptación á nova sociedade dixital.

Pola súa banda, O deputado Antonio Leira explicou que no eido das infraestruturas dixitais, a Deputación investiu preto de 2,6 millóns nos últimos anos en adquirir equipamentos e infraestruturas para mellorar a dixitalización de concello e da propia Deputación, creando un ecosistema dixital resiliente e con capacidade para os novos servizos e canles dixitais. "A pandemia obrigounos a reciclarnos e poñernos as pilas", afirmou.

Leira explicou tamén que a Deputación investiu máis de 12 millóns de euros para impulsar o plan Concello Dixital, a aposta do goberno provincial para fomentar o uso da administración electrónica nos concellos, que suma xa 80 entidades locais adheridas.

Concello Dixital busca consolidar a administración electrónica e difundir e promover o seu uso e vantaxes entre a cidadanía, explicou Leira, que subliñou a importancia duns investimentos "que non se visualizan tanto como as obras", pero que "permiten que a administración estea preto das persoas".