Noticias

Cambre prepárase para ser un Concello Dixital


14/02/2023

A pasada semana presentáronse, na sede do municipio metropolitano, as liñas mestras e o plan de execución da transformación dixital do concello.

O Concello de Cambre aposta polo reto da administración electrónica e súmase ao proxecto Concello Dixital, impulsado pola Deputación da Coruña. O municipio coruñés atópase xa inmerso desde a pasada semana na súa folla de ruta cara ao novo modelo de administración dixital na gobernanza local e de eficiencia na prestación dos servizos á cidadanía.

A xornada convocou aos técnicos do equipo de transformación da deputación coruñesa e aos responsables políticos e administrativos do municipio. Ámbalas partes compartiron unha intensa axenda de traballo, na que se desenvolveron, ademais da presentación e contextualización do proxecto, as respectivas entrevistas cos interlocutores designados desde o concello.

O despregamento do ecosistema Concello Dixital en Cambre permitirá sumar novos servizos aos xa existentes na súa Sede electrónica e mellorará a capacidade de resposta administrativa ás demandas das veciñas e veciños. Os traballos terán unha duración de tres meses de actuacións de implantación no propio concello, seguidas doutros tres de seguimento e auditoría.

Ao final da xornada, o rexedor cambrés , Óscar García destacou as condicións favorables do seu concello para consolidar a administración electrónica e difundir e promover o seu uso entre a cidadanía. Neste sentido, as veciñas e veciños de Cambre teñen ao seu dispor  conexión a banda larga por wifi gratuíta en todos os seus centros urbanos e a súa media de idade atópase entre as máis baixas da comarca polo que se espera unha boa unha boa acollida das medidas para alcanzar o reto de administración 100% dixital.