Noticias

O Concello de Arzúa aposta pola transformación dixital


19/01/2023

Durante os vindeiros tres meses o concello coruñés será escenario de diversas actuacións encamiñadas a mellorar a eficiencia do seu modelo organizativo e a situar á cidadanía no centro da actividade administrativa.

A sede municipal do Concello de Arzúa acolleu onte a presentación das liñas mestras do seu proceso de transformación dixital, ao abeiro do proxecto Concello Dixital, impulsado pola Deputación da Coruña. Na presentación, o equipo técnico expuxo aos seus responsables políticos e administrativos a folla de ruta que definirá a transición do seu concello cara a un modelo de administración dixital na gobernanza local. 

Ámbalas dúas  partes compartiron unha intensa axenda de traballo, na que se desenvolveron, ademais da presentación e contextualización do proxecto, as respectivas entrevistas cos interlocutores designados desde o concello.

Durante os vindeiros tres meses o concello coruñés será escenario de diversas actuacións encamiñadas a mellorar a eficiencia do seu modelo organizativo e a situar á cidadanía no centro da actividade administrativa. Estas tarefas levaranse a cabo en colaboración con empregados públicos municipais designados como informantes clave de cada unha das áreas de actuación, aínda que o obxectivo final supoñerá a implicación da totalidade do persoal do concello. A posteriori, o proxecto prolongarase tres meses máis desde a presentación de resultados, nunha fase de seguimento e auditoría. 

Concello Dixital constitúe a aposta da Deputación da Coruña pola dixitalización das súas entidades provinciais, no seu funcionamento interno e nos servizos que estas prestan á cidadanía.

Estas iniciativas están reguladas e planificadas na Axenda Dixital da provincia, que abrangue   todas as accións do ente supramunicipal en materia tecnolóxica.